CALVARIO DE SAN MARTIÑO
IGREXA DE SAN MARTIÑO
BUEU
O Calvario de Bueu está no adro da igrexa parroquial de San Martiño de Bueu, aínda que non era ésta a súa ubicación orixinal.
Foi mandado facer por Fernando da Rúa e Freire, reitor da Inquisición de Bueu, e señor do pazo de Santa Cruz, no ano 1686, e nun principio estaba situado no lugar da primitiva capela dos Santos Reis, no lugar do Valado.
Este primitivo conxunto foi desmontado e dispersado, pasando as figuras dos ladróns a mans de coleccionistas. Hai uns anos, grazas á iniciativa veciñal, puido ser recuperado e reconstruído no adro da igrexa parroquial.
Os calvarios son conxuntos de tres cruceiros con representación de Cristo e dos dous ladróns, e son bastante infrecuentes en Galiza. As tres cruces de Bueu érguense sobre un mesmo chanzo, representación simbólica do monte Gólgota. No centro sitúase Cristo, Dimas, o ladrón bó á súa dereita, e Xestas, o ladrón malo, á súa esquerda.
As tres cruces contan cun pedestal cúbico, coa representación da caveira e as tibias cruzadas de Adán no frontal da cruz de Cristo. Os varais son de sección cadrada, biselados nos cantos imitando o tronco dunha árbore, conformando a tipoloxía coñecida como “espiñenta”.
Os capiteis son troncocónicos, máis anchos que longos, e están decorados con volutas nas esquinas. No centro das caras de cada capitel hai rostros de anxos, agás na cruz do ladrón malo, que aparece un demo botando a lingua pola boca.
A cruz do Cristo está traballada de maneira máis fina e elaborada que as outras, e presenta os bordes biselados, mentres que as dos ladróns teñen sección cadrada, e mesmo os brazos da cruz tortos no caso da cruz de Xestas.
O Cristo represéntase morto, con tres cravos nas mans e pés, mentres que os ladróns só teñen os pés cravados, suxeitándose os brazos con cordas, en posturas contorsionadas. Non hai figuras nos reversos.
MAPA
Fuente: Web Patrimonio Galego
XOAN ARCO DA VELLA