miércoles, 16 de octubre de 2024

CAPELA DE SAN BARTOLOMEU - PORTO DE RIANXO - RIANXO

 CAPELA DE SAN BARTOLOMEU

PORTO DE RIANXO

RIANXO

Capela de San Bartolomeu
        Capela que data do século XVII situada no Porto de Rianxo, vinculada aos señores do Pazo dos Calotes.

      Orixinariamente situada nun illote que, tras os sucesivos recheos portuarios, foi incorporada a terra firme, reconstruíndose por completo ao trasladala. 

     En 1854 foi refuxio para enfermos do cólera.

     Construción de planta rectangular e pequenas dimensións realizada en cachotaría de granito con cuberta a dúas augas de tella.

       Fachada sinxela con porta alintelada e unha pequena fiestra baixo a espadana dun só arco coroada cunha cruz sen imaxe.

       Cruceiro no adro delimitado por un muro perimetral de grandes pezas de granito.

       Este santo, protector das xentes do mar, era obxecto dun curioso rito por parte dos mariñeiros rianxeiros: o patrón da embarcación cando navegaba á altura da capela, ordenaba á tripulación: Alsa remos, fora boinas, veña un credo, agardando así que San Bartolomeu os provese da súa protección divina.

MAPA

 

Fuente: Web obaixoulla.gal

XOAN ARCO DA VELLA

 

CAPELA DE VENTOSO - XUÑO - PORTO DO SON

 CAPELA DE VENTOSO

XUÑO

PORTO DO SON

 Ventoso
     Ventoso é un lugar da parroquia de Xuño no concello coruñés de Porto do Son, na comarca de Noia. Segundo o padrón municipal (INE 2020) non ten habitantes.

Xuño
     Santa Mariña de Xuño, é unha parroquia do concello de Porto do Son, na provincia da Coruña. Segundo o INE, en 2020 ten 1.015 habitantes (495 homes e 520 mulleres).

Xeografía
     É a segunda parroquia do concello en extensión, e a terceira en número de habitantes. Administrativamente, pola súa pertenza ao concello de Porto do Son, está encadrada na comarca de Noia, máis pola súa localización, pola historia e polas relacións cos pobos veciños, debería situarse na comarca do Barbanza. Dista nove quilómetros de Ribeira e dez de Porto do Son.

     A parroquia está atravesada pola estrada AC-550. Linda polo norte coa parroquia de Caamaño, polo sur coa de San Pedro de Muro, polo leste cos montes do concello da Pobra do Caramiñal e polo oeste co océano Atlántico.

      O río Sieira, que atravesa a parroquia de leste a oeste, ten case 11 km de lonxitude, sendo o máis longo do concello de Porto do Son. É transitable polas beiras, e ten troitas.

      Entre as praias que bañan a parroquia están a praia de Agrexús, a da desembocadura do Sieira en Caamaño ou as propias Furnas. A carón da praia da Agrexús está a lagoa de Xuño, que forma parte do parque natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, cunha gran biodiversidade vexetal e animal.

Historia
      Xuño foi concello de seu, que se saiba entre 1812 e 1836.

Patrimonio
     Preto das aldeas de Abelendo e Castelo está o monte Pé do Castelo, unha mole pétrea. Nas baixas terras da Coviña hai unha ponte medieval sobre o río Sieira no antigo camiño.

      A igrexa parroquial, do século XII, é de estilo románico, se ben ten reformas posteriores.

      Da fábrica orixinal románica só se conserva a capela maior, á que se accede por medio dun arco de medio punto dobre apoiado en semicolumnas con capiteis de motivos vexetais. A planta é de cruz latina e a nave principal está cuberta con bóveda de canón rebaixada sobre muros de carga, nos que se abriron arcos de medio punto sobre pilastras para o acceso ás capelas laterais xemelgas que se abriron nos laterais. O presbiterio cóbrese con bóveda de canón, e desde el accédese á sancristía, engadida no lateral esquerdo. No exterior ten cuberta a dúas augas na nave principal e na capela maior, e a cuberta complétase cunha cornixa sobre canzorros labrados.

      A fachada principal ten un pórtico dividido en dúas alturas, engadido por diante para apoiar a espadana. Dúas columnas da porta principal sosteñen outras dúas nas que á súa vez se apoia o campanario, formado por dúas arcadas esveltas rematadas nun frontón. Entre o segundo grupo de columnas vai un rosetón abucinado e a patroa sobre unha ménsula.

     As Furnas, a Nova e a Vella, constitúen unhas caprichosas formas nas rochas formadas pola acción do vento e o mar. As súas costas son propicias para a práctica do surf.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

IGREXA DE SANTIAGO DE RUBIÁS - RUBIÁS DOS MIXTOS - CALVOS DE RANDÍN - O COUTO MIXTO

 IGREXA DE SANTIAGO DE RUBIÁS

RUBIÁS DOS MIXTOS

CALVOS DE RANDÍN

O COUTO MIXTO

 Santiago
      Santiago é un lugar da parroquia de Rubiás dos Mixtos no concello de Calvos de Randín.

      Tiña 80 habitantes no ano 2011 segundo datos do INE e do IGE, dos cales 43 eran homes e 37 mulleres. Iso supón un aumento da poboación respecto a 2010, cando tiña 67 habitantes (39 homes e 28 mulleres).

Historia
       Xunto con Rubiás e As Maus conformaba ata 1864 o Couto Mixto.

     Na igrexa de Santiago está a arca na que se gardaban os documentos que recoñecían os dereitos dos habitantes do Couto Mixto.

Rubiás dos Mixtos
     Santiago de Rubiás dos Mixtos é unha parroquia do concello ourensán de Calvos de Randín na comarca da Limia.

      No ano 2007 tiña 162 habitantes (85 homes e 77 mulleres) distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 22 habitantes en relación ao ano 2000.

       A parroquia de Rubiás dos Mixtos xunto co lugar das Maus da parroquia de Tosende no concello de Baltar, conformaba ata 1864 o Couto Mixto.

Historia
       En 1868, coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa de 1864, o Couto Mixto foi incorporado ó concello de Baltar. O lugar de Meaus integrouse na parroquia de Tosende, mais os lugares de Rubiás e Santiago pediron ser integrados no concello de Calvos de Randín, solicitude que foi aprobada pola Deputación de Ourense en 1870 e se fixo vixente o ano seguinte, constituíndo a parroquia de Rubiás dos Mixtos.

      Eclesiasticamente xa existía, aparecendo así no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz en 1849 ou no Censo de Ensenada de 1752.

      De feito, cando se crearon os concellos en 1836, Santiago de Rubiás xa foi incluída no concello de Calvos de Randín.

      No ano 1985, a Xunta de Galicia estabeleceu «Rubiás dos Mistos» como forma oficial do topónimo. En troques, dez anos despois determinou que o nome oficial da parroquia fose «Rubiás dos Mixtos».

Comarca da Limia
      A comarca da Limia é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Xinzo de Limia.

      A ela pertencen os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

      A Limia é unha das comarcas naturais máis nítidas de Galicia. Está situada no centro da provincia de Ourense ocupando en gran parte unha ampla depresión tectónica de fondo plano, na cal estivo a lagoa de Antela, desecada a partir do ano 1958. 

      Ten unha altitude media duns 600 metros, cunha topografía de chaira rodeada polo sur pola serra do Larouco.

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

 

 


martes, 15 de octubre de 2024

CRUCEIRO DA CAPELA DE SAN BARTOLOMEU - PORTO DE RIANXO - RIANXO

 PETO DA CAPELA DE SAN BARTOLOMEU

PORTO DE RIANXO

RIANXO

  Cruceiro da Capela de San Bartolomeu
      Cruceiro de granito situado no adro da Capela de San Bartolomeu, da tipoloxía de capeliña.

      Cruceiro do ano 2003, obra do escultor Cabeza Quiles, con plataforma de tres chanzos de sección cadrada.

      A continuación un groso varal de sección cadrada coas arestas chafranadas no que destaca a súa decoración con cunchas nos extremos superiores.

      No seu capitel troncopiramidal inverso decorado con diferentes relevos, entre eles anxos alados, apoiase unha capeliña con arco de medio punto decorada con esferas no borde. 

      No seu interior podemos ver a imaxe da Virxe, apoiada nunha peaña con forma de nube e cara de anxo e, máis abaixo, unha representación dun castelo ou fortaleza.

     O conxunto remata nunha cruz, de sección cadrada con remates nos vértices, na que aparece a imaxe de Cristo crucificado baixo cartela de INRI.

     As esferas da fornela levan gravados o número do primeiro premio da lotaría de Nadal do 2003, ano que tocou en Rianxo.

     O número é o 42473, e algunhas persoas frotan o seu décimo nestas esferas.

MAPA

 

 Fuente: Web obaixoulla.gal

XOAN ARCO DA VELLA

PETO DE TAIAO - TAIAO DE BAIXO - VALENÇA DO MINHO

 PETO DE TAIAO

TAIAO DE BAIXO

VALENÇA DO MINHO

    Peto de ánimas
   Chámanse petos de ánimas a unha das manifestacións materiais do culto aos mortos e son, xeneralmente, sinxelos monumentos de piedade popular asociados á idea do purgatorio.

    En Galicia é frecuente atopalos en camiños, encrucilladas, atrios de igrexas, etc.

     Os historiadores e etnógrafos sitúan a súa aparición a partir da Contrarreforma, datándose os máis antigos no século XVII, aínda que non sería ata o século XVIII cando se constrúan con máis profusión.

     A súa finalidade é a de ofrecer esmolas de todo tipo ás ánimas do Purgatorio, sendo o seu castigo temporal e podendo así alcanzar o Ceo.

    En compensación, unha vez liberadas intercederán por quenes realizaron as ofrendas.

     As esmolas non eran de carácter estrictamente monetarias, tamén podía tratarse de produtos agrícolas.

     Os petos de ánimas adoitan estar construídos en pedra cunha cruz no alto, polo xeral con imaxes das ánimas no lume do purgatorio e unha figura que as vela (santo, rei ou bispo).

     Na parte frontal aparece un peto para depositar a esmola e protexido cunha reixa ou un cristal.

Algúns levan lendas do tipo:
     Un alma tes e non máis, si a pérdes que farás... 

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA