CRUCEIRO DE MAGARIÑOS
MAGARIÑOS
SETECOROS
VALGA
Trátase dunha cruz alta, posto que cruz e varal forman un único bloque de pedra de cantaría. O baseamento ten planta cuadrangular e está composto por dúas gradas de bloques graníticos.
O pedestal é un simple cubo de pedra coroado por molduras aboceladas de perfís decrecentes.
A cruz ten un arranque de sección cuadrangular e desenrolo octogonal.
Todo o conxunto presenta erosión, como consecuencia do vento e da chuvia.
No anverso atopamos a figura dun Cristo crucificado con tres cravos e ladeando a cabeza cara a súa dereita.
Por debaixo aparece unha caveira sobre dúas tibias atravesadas, símbolo da morte.
No reverso pode observarse á Virxe de pé, sobre un pedestal e en actitude orante. Baixo dela, a figura dun bispo cun báculo na man dereita e un libro na esquerda.
O autor Lois Ladra apunta na súa obra “Arte relixiosa popular na terra de Valga. Cruceiros, cruces e petos de ánima” que podería tratarse de San Bieito.
O seu emprazamento actual non é o orixinal, xa que foi movida logo da súa última restauración no 2017.
A cruz sufrira importantes danos a consecuencia da colisión dun camión que partira nunha quincena de fragmentos o varal e as figuras que compoñían a cruz alta.
MAPA
Fuente: Web obaixoulla.gal
XOAN ARCO DA VELLA