CIRCO DOS MUCHACHOS
BEMPOSTA
OURENSE
Circo dos Muchachos
O Circo dos Muchachos foi o primeiro proxecto de escola de circo en España. Fundado polo padre Jesús Silva Méndez na década de 1960, instalouse nunha leira chamada «Benposta» (tamén coñecida como «La Ciudad de los Muchachos»), no arrabalde sur da cidade de Ourense, na parroquia de Seixalbo.
Mantívose en activo até a primeira década do 2000. Foi catalogada como unha experiencia de autoxestión xuvenil, dentro dun estrito marco legal durante a ditadura franquista.
Este modelo tivo réplicas noutros proxectos xuvenís, especialmente en América Latina, e marcou varias xeracións de artistas. Entre eles destacan Benposta Colombia (Bogotá, Villavicencio e Montería), fundada por José Luís Campo Rodicio, e mais Benposta Venezuela (La Guaira, Sinamaica e Caracas).
Historia
Antes de completar os seus estudos de teoloxía na Universidade de Salamanca, na década de 1950, Jesús Silva Méndez fundou en Ourense, xunto con outras mozas e mozos, unha asociación xuvenil. En principio, a sede estivo no baixo da casa da súa nai, e despois trasladouse a Benposta, unha leira de 200.000m² na parroquia de Seixalbo.
Benposta, «La Ciudad de los Muchachos»
A leira recibiu o nome de «Benposta» para acoller a «Ciudad de los Muchachos», debido á organización e construcións en forma de pequena cidade. Moitas das edificacións da leira de Seixalbo foron realizadas polo arquitecto Alberto Muñiz, fundador da CEMU (Ciudad Escuela Muchachos).
Benposta foi fundada con base nunha intensa ideoloxía católica. Moita xente considera que a «Ciudad de los Muchachos» estaba dedicada á caridade para as nenas e os nenos sen fogar. Porén, o padre Silva propugnaba que a motivación real era crear unha comunidade educativa onde as nenas e os nenos fosen parte dun «mundo novo» baseado nos principios católicos.
Escola de circo
É considerada a segunda escola de circo do mundo, trala escola do circo de Moscova. Este circo foi pioneiro e describiría a folla de ruta que máis adiante seguiría o Circo do Sol nas súas actuacións de circo sen animais. Con todo, no 30º aniversario, o espectáculo dos Muchachos incluíu cabalos en liberdade montados por acróbatas.
Unha das actividades do circo a inicios da década de 1960 era o proxecto de reciclaxe «TraPaBoCha». Consistía en reciclar trapos de tea, papel, botellas e ferralla co fin de financiar as actividades filantrópicas orientadas á mocidade.
Revolution Circus
A primeira actuación foi na Praza de Catalunya (Barcelona) en 1966. Despois fixeron xiras por Portugal e o resto de España, e en 1970 actuaron en Francia. O Circo de los Muchachos foi o primeiro en actuar no Grand Palais parisiense. Tamén realizaron xiras por Bélxica e os Países Baixos. En 1973, actuaron no Madison Square Garden de Nova York. Publicaron un LP coas cancións deste espectáculo para continuar coas xiras polos EUA e Suramérica. A finais dos 70, foron incluídos como artistas prohibidos pola ditadura arxentina. Tamén actuaron en países de Asia e mais en Australia. Na década de 1980 inauguraron un espectáculo en Israel e levárono por toda Europa. O circo fixo actuacións especiais en Alemaña, onde a ideoloxía de Benposta era moi coñecida grazas a libros e documentais.
Declive
O seu declive comezou na primeira década dos 2000. Tralo pasamento do padre Silva, produciuse practicamente o seu desmantelamento.
O poliedro de Benposta
Na leira de Seixalbo instalouse un poliedro deseñado polo arquitecto Emilio Pérez Piñero. Pertencente á instalación Cinerama, foi empregado como instalación permanente da escola de circo, amais de para realizar funcións semanais.
O Museo Circo de los Muchachos
En febreiro de 2019, a Asociación Cultural Padre Silva (creada trala morte deste en 2011) abriu as portas do Museo Circo de los Muchachos, situado na zona vella da cidade de Ourense, no número 6 da rúa Bailén. Este museo conta cunha exposición que recolle a evolución histórica da Benposta ourensá.
Algúns artistas coñecidos que tiveron o seu inicio en Benposta foron:
O pallaso Pancracio, que actuou no circo a finais dos anos 60 e principios dos 70 do século XX.
Julio Sabala, artista e imitador.
Suso Clown, Premio Nacional de Circo en 2003.
Mustafa «Danger», funámbulo do extinto circo Ringling Brothers
Especial atención merece o colectivo de 12 ecuatoguineanos que se uniron ao programa educativo de Benposta trala descomposición dese estado africano durante o goberno de Macías. Xorden así profesionais do teatro, a música ou o cine como Marcelo Ndong, Hermenegildo Alogo Mebuy (Hermes, guitarrista de Los Suaves), Ponciano Bakale, Pedro Ekong Mengue, Patricio Mitogo Nsue ou os irmáns Fernando e Isabel Daperia.
VIDEO
MAPA
XOAN ARCO DA VELLA