viernes, 7 de marzo de 2025

CRUCEIROS NA IGREXA DO CORPIÑO - LOSÓN - LALÍN

CRUCEIROS NA IGREXA DO CORPIÑO

LOSÓN

LALÍN

Cruceiro do Corpiño (I)
     Forma parte do conxunto de dous cruceiros situados a ambos os dous lados da entrada do santuario de O Corpiño. 


      Realizado en granito, este cruceiro posúe unha base de pedra. O varal comeza cuadrangular para rematar octagonal e nun lado do fuste atópase a figura de San Francisco.

     Ten capitel cuadrangular, no que nunha cara aparece unha caveira e unhas tibias, e nas outras tres un anxo alado en cada unha. 

       A cruz ten forma circular e nela aparece, no anverso, un Cristo crucificado coroado de espiñas e, no reverso, unha Virxe orante con manto.

Cruceiro do Corpiño (II)
      Forma parte dun conxunto de dous cruceiros situados á entrada do santuario de O Corpiño. Realizado en granito, posúe unha base de pedra. 

      O varal comeza cuadrangular para ser octogonal. O seu capitel é cuadrangular é presenta un anxo alado en cada cara. 

A Cruz ten forma circular e presenta, no anverso, unha figura con hábito acordoado, un neno nos brazos e unha palma na man; No reverso presenta unha imaxe da Virxe das Angustias.  

MAPA

 

Fuente: Web Patrimonio Galego

XOAN ARCO DA VELLA

IGREXA DE SANTA MARÍA DO CAMPO - SOBREIRAS - O CAMPO - MARÍN

 IGREXA DE SANTA MARÍA DO CAMPO

SOBREIRAS

O CAMPO

MARÍN

     Santa María do Campo é de finais do s. XII e principios do s. XIII, de estilo románico algo serodio. 

     Desta época conserva no interior un arco triunfal, rudo, estreito e apuntado, a través do que se accede ao presbiterio. Nunha segunda fase de construción, no século XVI, realízase a nave de estilo barroco. 

      Posúe unhas magníficas pinturas murais (góticas). Pertenceu á Encomenda de San Xoán.

     A Igrexa de Santa María do Campo conserva boa parte da súa primitiva traza románica, aínda que o que hoxe é visible é o resultado de sucesivas reformas en varias épocas. 

      A parte máis antiga corresponde ao actual testeiro ou cabeceira, de pranta cuadrangular e cuberta de madeira, no que se abre unha xanela con arco de medio punto, enmarcado por unha sinxela moldura de dentes de serra.

     A este testeiro, e aproveitando os materiais da igrexa primeira, se engadiuse cara o século XIII un corpo mais grande, dunha soa nave, e de pranta rectangular, comunicado co testeiro mediante un arco triunfal.

     Na decoración exterior destacan os canzorros con figuras de animais e humanas, dispostos ao longo do aleiro, e o agnus dei que remata o pincho. 

     Na portada ten dous arcos de medio punto simples dobrados e hai restos de inscricións. 

     Coroa a fachada unha espadaina que fai as veces de campanario.

     Ao retirar hai uns anos un retábulo, apareceron decorando os muros do altar maior unhas interesantes pinturas. Datadas no século XV-XVI, amosan rasgos estilísticos máis ben propios do gótico. 

     A un lado e outro da xanela do testeiro (con arquiños de ferradura) hai representada unha anunciación. Á esquerda, o arcanxo Gabriel, e á dereita a Virxe xunto a unha torre que lle serve asemade de atril. 

     No alto, hai unha representación do Pantocrator, rodeado dun medio nimbo, dende o que descende a pomba do Espírito Santo.

 MAPA

 

Fuente: Web Terras de Pontevedra

XOAN ARCO DA VELLA

CRUCEIRO DA CAPELA DE SANTA ANA - BUCHABADE - TOURÓN - PONTE CALDELAS

 CRUCEIRO DA CAPELA DE SANTA ANA

BUCHABADE

TOURÓN

PONTE CALDELAS

 Cruceiro situado ao carón da capela de santa Ana.

      Nace sobre unha base cúbica de arestas rebaixadas. 

     O seu varal nace en sección cadrada e segue en octogonal. Estes dous elementos son os orixinais e, polo tanto, as partes máis antigas do cruceiro.

      O capitel é de estilo corintio, con motivos vexetais e volutas.

      O conxunto remata cunha cruz de sección cadrada coas arestas rebaixadas e os remates potenzados. 

      Nela podemos ver a imaxe de Cristo crucificado no anverso, e as imaxes de Santa Ana e a Virxe no reverso

Segundo se recolle na bibliografía adxunta: “aproximadamente no ano 1984, Aniceto Justo Rodríguez tallou e donou ós veciños de Buchabad os actuais capitel e a cruz, co que se veu a restaurar moi axeitadamente un cruceiro que perdera estes dous primordiais elementos.”


      Os cruceiros e petos de ánimas de máis de 100 anos están protexidos polo Decreto 571/1963, de 14 de marzo, “sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico”; ademais, teñen a consideración de Bens de Interese Cultural (BIC) segundo o establecido na disposición adicional segunda da Lei 16/85 de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español.

      Asi mesmo o recoñece e garante a Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, no que hórreos, cruceiros e petos de ánimas, “son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901.

       Os hórreos, cruceiros e petos de ánimas cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada anteriormente poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico”.

MAPA

 

Fuente: Web Patrimonio Galego

XOAN ARCO DA VELLA

CAPELA DE SANTA ANA - BUCHABADE - TOURÓN - PONTE CALDELAS

 CAPELA DE SANTA ANA

BUCHABADE

TOURÓN

PONTE CALDEDLAS

 Capela de Santa Ana de Buchabade
      Pequeno templo levantado no ano 1892 que presenta planta rectangular, unha soa nave e cuberta a dúas augas.

      O interior carece de vans, coa excepción dos arcos que iluminan o nártex ou cabido, un espazo semiaberto destinado a celebrar reunións entre os fregueses.

      O acceso aparece protexido por un grande arco de medio punto. O interior loce un pequeno altar adornado cun retablo de madeira.

       Á beira do muro norte do adro sitúase un cruceiro de peaña prismática. Érguese sobre unha columna de sección cadrada que logo pasa a octogonal.

      Tanto a columna como o pedestal son os elementos máis antigos do cruceiro.

      O capitel mostra unha soa ringleira de follas reviradas no ápice e unha grande voluta en cada esquina.

      O ábaco, de lados curvos e ángulos en chafrán, ten no medio unha pequena flor de tres pétalos con botón.

      A cruz, de sección cadrada, leva a cartela de INRI sobre a figura de Cristo crucificado mirando ao norte.

      Polo reverso aparece a imaxe de Santa Ana e a Virxe nena.

MAPA

 

Fuente: Concello de Ponte Caldelas

XOAN ARCO DA VELLA

jueves, 6 de marzo de 2025

IGREXA DE SAN XIÁN DE PETÁN - PETÁN - A CAÑIZA

 IGREXA DE SAN XIÁN DE PETÁN

PETÁN

A CAÑIZA

Petán
       San Xián de Petán é unha parroquia que se localiza no leste do concello da Cañiza. 

      Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 345 habitantes (162 mulleres e 183 homes) distribuídos en 29 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 603 habitantes.

Lugares de Petán
     A Abelenda, Aldea de Arriba, A Aldeíña, A Alén, As Ameixeiras, Campolongo, O Carballal, O Casancho, A Castiñeira, O Ceo, Cima de Vila, O Folón, A Gandarela, O Grandal, Gundián, A Igrexa Vella, As Laxas, Moncelos, O Outeiro, O Panascal, O Piñeiro, A Ponte Deva, A Porteliña, O Portonaval, O Rial, Senande, A Suigrexa, A Surreira, A Ucha, A Xesteira

Comarca da Paradanta
     A comarca da Paradanta é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra. 

      A ela pertencen os concellos de Arbo, A Cañiza (a súa capital), Covelo e Crecente. 

      Limita ao norte coas comarcas de Vigo e do Ribeiro, ao leste con esta última e coa de Terra de Celanova, ao sur con Portugal e ao oeste coa do Condado. 

     Ocupa unha extensión de 339,85 quilómetros cadrados e contaba cunha poboación de 12.060 habitantes no ano 2020.  

MAPA

 

XOAN ARCO DA VELLA

CRUCEIRO DE SAN RAMÓN - SAN RAMÓN - TOURÓN - PONTE CALDELAS

 CRUCEIRO SAN RAMÓN

TOURÓN

PONTE CALDELAS

Cruceiro de San Ramón
        Situado nas proximidades do Pazo de San Ramón, que lle dá nome.

     Ao parecer no ano 1927 chegou un carro ata o cruceiro que tiña a intención de levalo a unha propiedade que o ministro Montero Ríos tiña en Lourizán (Pontevedra). 

     O cura da parroquia opúxose e tombouse diante do carro para evitar o traslado e os fregueses presentáronse armados con paus e galleta alarmados polo toque da campá. 

       A cruz orixinal foi danada polos espoliadores, o que provocou a súa caída coincidindo cunha tormenta no ano 1941, un fenómeno atmosférico que tamén botou abaixo a espadana da igrexa parroquial. 

     O canteiro que o reparou en 1926 foi José Boullosa, polo visto discípulo do mestre José Cerviño. Con todo o cruceiro orixinal data de 1738, cando foi feito por Clemente Figueroa, cuxo nome consta no pedestal. 

      Con posterioridade, en 1816, foi reedificado por un sucesor del, apellidado Martínez e Figueroa. 

      No anverso da cruz loce unha imaxe do Cristo crucificado, mentres que no reverso aparece unha imaxe masculina (a orixinal era unha Virxe) que presenta un corazón atravesado por unha espada. Suxeitos nos brazos da cruz, dúas angelitos miran en dirección á imaxe. 

MAPA

 

 Fuente: Concello de Ponte Caldelas

XOAN ARCO DA VELLA