CRUCEIRO DOS MAIOS
O XISTO
TABAGÓN
O ROSAL
Este cruceiro, labrado polo canteiro Manuel González Perdiz en 1879 por encargo do párroco D. Xosé Benito Fernández, nace sobre catro chanzos de sección cadrada. Os dous superiores están moldurados.
No segundo chanzo podemos ver o enreixado de ferro que o rodea.
A base moldurada destaca polos seus catro espellos, un por cada lado, coas seguintes inscricións:
“S.M.O. CRISTO DE LA VICTORIA // POR EL MAESTRO MANUEL GONZALZ // SIENDO ABAD D. JOSE BT BERNARDZ // AÑO DE 1879”.
O varal, de sección cilíndrica, posúe varias imaxes e escenas. Nos laterais da parte baixa coma nunhas cartelas ten esculpidos en relevo os distintivos da Paixón: escada, tenazas, etc.
E entre eles, no lado Sur, sobre peaña, a alegoría do pecado orixinal: Eva collendo o froito da árbore con Adán ao seu lado e a serpe observando.
Mesmo enriba dela, coa separación creada pola peaña, representa a Cristo atado na columna, a Flaxelación. E no lado norte, oposta a esta, a imaxe da Verónica coa Santa Face.
O capitel é de estilo dórico, con follas de acanto e cabezas de anxo en cada lado.
O conxunto remata nunha cruz de sección cilíndrica no que podemos ver as imaxes de Cristo crucificado baixo cartela de INRI cunha caveira aos pés e un anxo recollendo nun cáliz o sangue no anverso, e a Soidade ou Dolorosa coa espada cravada no corazón e as mans cruzadas sobre o peito sobre peaña de cabeza de anxo no reverso.
Pendentes dos brazos da cruz dous anxos que sosteñen quizais a Saba Santa. sentados na travesa da cruz, dous anxos que suxeitan un sudario polos extremos e o estenden sobre a cabeza da Virxe.
MAPA
Fuente: Web Patrimonio Galego
XOAN ARCO DA VELLA